San Andrés en 1900.

A rúa comercial do centro da Pescadería.


Esta é a rúa de San Andrés a principios do século XX. Vese deste xeito nunha postal editada pola papelería de Blas Serrano, da Rúa Real. Está escrita no ano 1902, e quen a enviou lamentabase de non ter atopado na cidade mellores tarxetas postais para a escritura.
Esta rúa tomou o seu nome do antigo hospital que xunto á igrexa, e baixo a advocación deste santo, tiña o Gremio de Mareantes da Cofradía de San Andrés e da Paz e Misericordia. Ambos edificios foron destruídos no sitio inglés á cidade en 1589.
O Hospital de San Andrés foi creado nunha época remota o que fai supoñer que a rúa é moi vella,
sendo o Gremio de Mareantes o máis antigo dos da Coruña segundo se proba nun preito que a mesma sostivo coa da Cofradía de Mercaderes de San Miguel. O litixio trataba do dereito de pendón nas procesións, e fallouse pola Audiencia en favor dos Mareantes por considerala de maior antigüidade, aínda malia que os de San Miguel alegaron que eles viñan existindo xa dende o século XIII.
A rúa de San Andrés levou este nome ata 1840, data na que foi proposto para a mesma o nome de Espoz y Mina. En 1875 recobra o nome San Andrés, ata que en 1931 se lle pon o de rúa Capitán García Hernández. En 1936 recuperaba definitivamente o seu nome orixinal.

No hay comentarios: